Unha visita ao Ecomuseo de Arxeriz


O 22 de marzo de 2015 visitamos o Ecomuseo de Arxeriz, un espazo de interpretación da cultura ribeirá.

Conducidos por Daniela, a guía do Ecomuseo, coñecimos que a "casa dos escudos", unida en U coa "casa do patín", xunto coa capela, teñen orixe no século XVII.


Este conxunto pasou ao coñecido "Xan de Forcados" - Juan López Suárez -, que puxo en marcha en 1933 a pimeira granxa leiteira de Galicia - Granja Argeriz -, que logo pasou a ser Larsa en 1947.
Quen comezou a restauración do pazo de Arxeriz foi o seu descendente Xosé Soto Rodríguez, de quen recibe o nome a Fundación Soto de Fión, rexente do Ecomuseo.

Na cociña, con lareira, vimos curiosidades como a "cantareira" ou "cantareiro", moble para dispoñer as cántaras.

"cantareira"
No sala grande coñecemos pezas saídas do castro de Arxeriz, que se comezou a excavar no ano 2013. Datado entre o s. IV e o I a. C., non se atoparon materiais de adscripción romana e non hai evidencias de abandono traumático do sitio de ocupación. Ademais de muíños e morteiros atopáronse dúas fíbulas e fusaiolas.


Na visita ao castro puidemos comprobar os espazos descubertos polas campañas de excavación e o seu emprazamento debruzado sobre o Miño fronte ao Cabo do Mundo, co castro da parroquia de Nogueira de Miño, en Chantada, xusto en fronte.




A finca de Arxeriz ten 35 ha e está repoboada con bosque mixto e bosque autóctono. Dende a solaina do pazo contemplamos a plantación de videiras autóctonas e o pombal.


Na sala adicada á interpretación da paisaxe e territorio ribeirao observamos os traxes do entroido ribeirao e unha coroza labrega, elaborada por un paisano da zona.


Antes de pasar á sala relacionada cos traballos do viño, topamos unha "pipa carrela", chamada así por ter a mesma lonxitude que o carro, que se usaba para transportar o viño ou, como sinalou o Quintín, para carretar auga dende a fonte a un alxibe da casa.


Observamos na sala da viticultura instrumental semellante ao usado en Sober tradicionalmente, salvo os pelexos de cabra, propios da ribeira do Miño, que aí servían para transportar o viño xa feito na caseta da ribeira cara a adega. O pelexo sacábase dunha peza do animal e a parte do pelo, que ía por dentro, impermeabilizábase con pez.



Na sala da cultura fluvial puidemos observar as artes de pesca e distintos tipos de barcas, testemuños dun mundo ribeirao asulagado polos encoros, neste caso, o de Belesar, o encoro meirande de Europa cando foi construído (1957 - 1963). En lembranza deste mundo mergullado, un mapa cos lugares perdidos ou a imaxe de Manuel Serodio, o derradeiro barqueiro desta zona do Miño, que cruzaba dende a Barciela cara a outra beira.


Dende o Colado do Vento agradecemos a Daniela o seu bo facer e a José Antonio Quiroga o convite ao museo.

Sem comentários: