Ficha de recolleita de información sobre PRÁCTICAS AGRÍCOLAS TRADICIONAIS NAS HORTAS.

Dende O Colado do Vento, queremos facer unha recolleita sobre as prácticas agrícolas tradicionais nas hortas, para poder sacar conclusións e poder facer unhas boas prácticas nas hortas familiares.
Se queredes colaborar, podedes descargar aquí mesmo a ficha e logo enviar as vosas aportacións a coladodovento@gmail.com ou enviárnola por correo postal a Colado do Vento - Francos de Proendos, nº 34 - 27460 - Sober (Lugo). 


Estamos quedando sen unha xeración de mulleres - as nosas avoas - que aprenderon das súas nais, que ao tempo xa o tiveran aprendido das súas, a practicar uns coñecementos profundos nas maneiras e formas de cultivar a terra, así como saber usar todos os recursos que o medio ofrecía - e aínda ofrece - e, ademais, coñecían e sabían utilizar as propiedades de cantidade de especies para que actuaran como fármacos, tanto para a horta coma para o mantemento da saúde da súa familia. Toda esa sapiencia, cúmulo de experiencia de todo un colectivo que, de xeración en xeración, a melloraron e transmitiron, agora está a piques de perderse. Estamos deixando que se nos vaian sen poderen pasarnos o seu legado, toda esa cultura quintaesenciada, todo ese cúmulo de riqueza adquirida…

Este traballo pretende que esto non sexa así. Na medida dos nosos escasos recursos e forzas imos tentar que as mulleres de máis de 75 anos, xunto coas súas fillas, que lles axuden a lembrar, nos conten o que saben e se complementen entre si.

Así, axudadas por toda a que queira axudar, completaremos un mapa de tarefas, formas de facer, recursos, coñecementos… que cada vez se nos está presentando coma máis perentorio e máis cando neste tempo a FAO e os órganos competentes en agricultura da UE recoñeceron o fracaso e o impacto da agricultura por extensión, así coma o destrozo para os territorios do emprego de pesticidas e fitosanitarios xunto coa inviabilidade dos tranxénicos, e fan un chamamento ao retorno da agricultura tradicional – nótese que, de golpe, deixaron de chamala ecolóxica – e recoñeceron unhas cualidades a este tipo de agricultura e unha produtividade por riba do 200%.


 
Ficha Enquisa HORTAS

Sem comentários: