OS IBIOS

O informante Constantino Pérez Puga de Portabrosmos - Pinol relatouna en xullo de 1995 mentres nos acompañaba a visitar os restos de A Ibia.
Polas ladeiras abruptas do Sil, na orela soberina de Chanteiro, deslízase unha paisaxe farturenta de viñas, sobre un fondo de auga encorada e de monte humanizado: Sacar de Bois, Ravacallos. Camiños de encontro de Caldelaos e Limeses.
Atrás van quedando os érbedos avermellados, e os lilas das lavandas e das azaias.
Ao chegar ás primeiras casas, a adega do Constante, escavada en rocha, ofrecendo, coma sempre, un vaso de viño ao viaxeiro. Despois duns groliños saborosos levounos o dono á IBIA; guiounos apalpando o terreo co caxato por mor das cataratas nos seus ollos, andando por camiños sempre pinos, zigzagueando entre socalcos, entre pedra e cepa, verde sobre branco por riba do espello da auga: furna translúcida de eidos outrora traballados. "Viñeron uns homes grandes e fortes -dixo mentres camiñábamos- que subiron polo río en barcas e fundaron o pueblo. Chamábanse ibios. Non se sabe de onde eran".
Foi o home sinalándonos as pedras das prensas (tamén da oliveira, que este é un pais de regalía e fartura), para ensinarnos, ao fin, as casas dos antigos ibios, pobo que algúns relacionan cos descendentes de Noé. Nada estraño no país do Amandi por vir directamente do inventor do viño. E velaí os muros das súas vivendas mimetizadas coas viñas, sostendo varas e acios gorentosos.
Morreu o derradeiro barqueiro de Portabrosmos e quedaron historias por contar.

Sem comentários: