SOBER - MEDIO FÍSICO

O Sil dende Bolmente.

En canto ás formas de relevo, Sober, coma o resto da comarca, combina as formas horizontais achairadas a distintas alturas cos cortes verticais dos profundos vales encaixados do Cabe e, sobre todo, do Sil. A maior elevación é o Monte do Bidual, en Doade, con 813 metros sobre o nivel do mar; a zona máis baixa de Sober é A Barca, lugar de confluencia de Cabe e Sil, con 148 metros. En canto ao tipo de rochedo, dominan as rochas graníticas, na zona ribeirá, onde tamén hai rochas metamórficas, coma a chamada “Ollo de Sapo”, e depósitos de arxilas na zona do Cabe.
O Sil dende o Castro da Xabrega.
Hai presenza de distintos microclimas, dende a franxa de clima atlántico-mediterráneo en torno ao Sil, con temperaturas suaves en inverno e altas no verán, e o clima máis continentalizado do resto do Concello de Sober. As temperaturas son bastante contrastadas entre o verán (moi elevadas) e o inverno, salvo na zona ribeirá. Durante os meses de verán apenas chove, producíndose unha gran evapotranspiración.
O clima atlántico-mediterráneo orixina unha flora que combina as especies de bosque atlántico – carballo, rebolo, que aparecen, tamén, xunto a freixos, bídulos e piñeiros mansos - con especies mediterráneas – aciñeira, sobreira, érbedo -. Abunda o monte baixo – xesta, toxo – e plantas medicinais – lavanda, ourego, romeo… É importante a presenza de soutos de castiñeiros nas zonas altas e plantacións de piñeiros nos montes comunais de Bolmente e Anllo. En torno aos regatos aparecen o salgueiro, o freixo, o bídulo e outras especies. Abundan tamén as especies micolóxicas.
En canto á rede fluvial, as terras de Sober quedan enmarcadas no ángulo que forman Sil e Cabe en torno á súa desembocadura, e son drenadas por numerosos regatos, coma os de Sante-Fervedón, Pousavedra, das Lamas e Portizó, afluentes do Cabe, e os da Lampaza, San Mateo ou de Camilo, afluentes do Sil.
Acios de mencía en Amandi.
ECOXEOGRAFÍA DA "RIBEIRA SACRA"

A Ribeira Sacra está constituída por parte das concas do Sil e o Miño.

Nas formas do terreo que atopamos, observamos o contraste entre as chairas do centro – a depresión de Monforte, drenada polo Cabe – e os bloques dos canóns de Sil e Miño, onde predomina a verticalidade, con vales encaixados de fondas pendentes.

En canto ao tipo de rocha, dominan as rochas xisto-pizarrosas e cuarcíticas, habendo tamén rochas sedimentarias terciarias e cuaternarias e, na zona oriental, rochas calcáreas. A forma do relevo está en relación ao tipo de rochedo: as zonas máis escarpadas do canón aparecen na zona de rochas graníticas (por exemplo, na zona sul de Sober), mentras que as zonas xistosas son de menor pendente (por exemplo, a zona de Doade).
O relevo da Ribeira Sacra é froito da interacción da tectónica e da dinámica fluvial. Esta zona, igual que o resto de Galicia, foi intensamente fracturada e presenta diferentes orientacións na dirección das fracturas, que condicionaron o curso dunha rede fluvial galega que é moi antiga. O encaixamento do Sil e o Miño produciuse a finais do Terciario e inicios do Cuaternario, cando se ergueron os bloques do que hoxe son os canóns. Antes, o Paleo-Miño pasaba polo que hoxe é a zona sarriana e o Paleo-Sil pola que hoxe é a depresión de Lemos, pero os movementos tectónicos aludidos expulsaron ao Miño cara ao oeste e ao Sil cara o sul (non obstante, o curso do Sil pola ribeira ourensá, polo que hoxe é Parada do Sil, ía máis ao sul que na actualidade).
O retoque final a este produto xeolóxico que é a Ribeira Sacra realizárono as mans de homes e mulleres, que fixeron desta unha paisaxe eminentemente antrópica. Os socalcos, que permiten a fixación da terra necesaria para o cultivo da vide nunha zona de fortes pendentes, son a gran obra humana da Ribeira Sacra, “a obra máis impresionante que ten Galicia” [PÉREZ ALBERTI, AUGUSTO; "Caracterización ecogeográfica del Valle del Sil". En: Xunta de Galicia (2004): La Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidad de Galicia.]

Sem comentários: